A casa do concello recibe ao alumnado dos institutos carballiñeses que máis destacou no ámbito extraescolar e académico

5, Xullo 2016

Alumnos e alumnas do IES nº 1 e do Manuel Chamoso Lamas foron agasallados durante unha recepción desenvolvida no concello do Carballiño.

Ao acto asistiron o alcalde, Francisco Fumega, o concelleiro de Educación e Cultura, Diego Fernández, os directores dos institutos, Manuel Amil e José Manuel Vázquez, así como os estudantes e familiares. Tratábase de recoñecer o mérito acadado por estes alumnos e alumnas durante este curso.

Así, as matrículas de honra obtidas por tres estudantes do IES nº 1 (Mauro Barreiro Nóvoa, Tania Payo Serafín e Nerea García Veloso) e dous do instituto Chamoso Lamas (Lucía España Fariñas e Anselmo González Garrido); tres alumnos que destacaron no certame de Contacontos (Esteban Decabo Nogueira, Sander Ulloa Sieiro e Manuel Vázquez Augusto); os sete estudantes que acadaron o segundo premio no Club de Debate (Marta, Beatriz, Sandra, Víctor, Eugenio, Laura e Sandez), e, finalmente, á estudante Dana Michel Constantine, por ser a Mellor oradora de bacharelato no certame Parlamento 2016. Francisco Fumega felicitou aos alumnos, aos profesores e aos familiares polo esforzo realizado durante o curso e diu as gracias por levar o nome do Carballiño por Galicia.

“O importante é prepararse e formarse, porque o coñecemento é o futuro”, dixo o alcalde.

Diego Fernández tamén agradeceu o esforzo de alumnos e profesores e destacou a importancia de desenvolver habilidades complementarias das estrictamente académicas.

Os directores dos centros, Manuel Amil e José Manuel Vázquez, agradeceron a recepción do concello e resaltaron a importancia de que os alumnos e alumnas agasallados leven o nome do Carballiño por Galicia adiante por cuestións de mérito, tanto de tipo académico como noutros ámbitos educativos e culturais.