As "casas rexionais" de LLeida promocionarán a Festa do Pulpo como o gran evento gastronómico de Galicia

15, Novembro 2016

O Centro Galego e o resto das Casas Rexionais de Lleida promocionarán a Festa do Pulpo do Carballiño como un dos grandes eventos gastronómicos de Galicia.

Así se comprometeron as directivas destas entidades durante o acto de presentación da LV Festa do Pulpo nas Xornadas Culturais da Federación de Casas Rexionais con motivo do XXXV aniversario desta federación, ao que asistiron o alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, e o concelleiro de Turismo, José Manuel Dacal. Fumega e Dacal viaxaron a Lleida por invitación do Centro Galego desta cidade para impartir unha conferencia sobre a Festa do Pulpo do Carballiño, que se celebrou no salón de actos desta entidade coa asistencia de tres concelleiros do grupo de goberno municipal da cidade, dos presidentes das casas rexionais de Aragón, Castela-León, Extremadura, Cantabria e Andalucía; do presidente dos empresarios, do vicepresidente da Federación de Asociacións Veciñais e de numeroso público que encheu o local.

O alcalde carballiñés realizou unha exhaustiva exposición da historia e da relevancia da Festa do Pulpo a nivel galego e estatal, como o amosa a declaración de Festa de Interese Turístico Nacional, e explicou que se estaba a traballar para conseguir a declaración de interese internacional, co que se daría un salto cualitativo moi importante. Asemade, o alcalde comentou os recursos turísticos do Carballiño e da comarca, destacando especialmente os balnearios e os proxectos de modernización que se realizan neste momento.

Ao remate do acto houbo un intercambio de agasallos entre o alcalde, o presidente do Centro Galego e o presidente da Federación de Casas Rexionais. Previamente a este acto, as autoridades carballiñesas realizaron un percorrido pola cidades e os seus monumentos máis característicos, acompañados polo presidente do Centro Galego, Xosé Terceiro Folgar, e outros membros da directiva da entidade, e despois visitaron o concello de Lleida, onde foron recibidos en audiencia polo teniente alcalde, Joan Gómez, e o concelleiro de infraestruturas, José Domínguez.

Tanto as autoridades municipais como a directiva do Centro Galego amosaron o seu interese por asistir á Festa do Pulpo do Carballiño, tra-la invitación realizada polo alcalde carballiñés, que expresou a súa satisfacción pola deferencia do Centro Galego e do “Ajuntament” de Lleida co Carballiño e a Festa do Pulpo.