Catro equipos de categoria infantil cítanse no XI Memorial Fusi de Fútbol

28, Agosto 2019

Tres equipos da Liga galega infantil, U.D Ourense, Ourense D.F., e E.F. Lalín, xunto ao equipo infantil de C.D. Arenteiro, que milita na Liga provincial, disputarán esta próxima fin de semana o XI Memorial Faustino José Pérez Sanmartín “Fusi”.

Os encontros terán lugar o sábado 31 no campo da Uceira e a final será en Espiñedo, cos seguintes enfrontamentos e horarios:

Sábado, 31.
10:30 h.: C.D. Arenteiro-U.D. Ourense.
12,15 h.: Ourense D.F.-E.F. Lalín.

Domingo, 1.
11:30 h. Final entre os equipos gañadores do sábado.

O evento foi presentado este mediodía nun acto celebrado no concello ao que asistiron a concelleira de Deportes, Silvia Baranda; o concelleiro e Vicepresidente de C.D. Arenteiro, Manuel Sotelo; o coordinador da Escola de fútbol, Raúl Nogueira, e Faustino Pérez, pai de Fusi.

Silvia Baranda recordou que coincidira co homenaxeado sendo tamén concelleira de Deportes e que por iso amosaba dun xeito especial o seu orgullo pola undécima celebración deste memorial.

Manuel Sotelo, en cualidade de coordinador do fútbol base de C.D. Arenteiro, agradeceu a participación dos equipos convidados e desexou que o torneo tivese un amplo seguimento da afección.

Raúl Nogueira explicou que, tras a participación na décima edición de equipos de Portugal e Galicia, vólvese ao torneo tradicional con catro equipos galegos. Ao respecto destacou a gran calidade e interese dos equipos participantes.

Finalmente, Faustino Pérez agradeceu aos organizadores este memorial, amosando o seu orgullo por comprobar como once anos despois Fusi segue sendo recordado no Carballiño.