Cea celebra este domingo a "22ª Festa do Pan"

5, Xullo 2013

"A Mañá de COPE O Carballiño" trasladou a emisión deste venres ata a vila de Cea, nun programa no que se repasou tanto a actividade para este domingo como para o resto do verán neste concello.

O presidente do Consello Regulador fixo fincapé nos agradecementos a todos os forneiros implicados na festa, así como no apoio prestado polas administracións públicas, Xunta de Galicia, Deputación de Ourense e Concello de San Cristovo de Cea, aos 23 Consellos Reguladores, que ceden os seus produtos para poder ofrecer as degustacións no Campo da Saleta e aos 20 expositores que estarán na carballeira da Saleta.

Segundo explicou Carlos Manuel Rodríguez nesta edición agardan seguir superando o número de persoas que ano a ano danse cita en Cea o primeiro domingo do mes de xullo. A previsión é mesmo chegar ás 20.000 posto que o ano pasado estiveron arredor das 17.000 persoas. Para iso a Festa de Exaltación conta cun completo de programa e cuns pregoeiros de luxo, as Cantareiras de Ardebullo, que seguro han facer as delicias dos asistentes. Ademais, os fornos amparados producirán para esa data 2.500 pezas que acompañán aos produtos que se poderán degustar durante toda a xornada.

 Programa de actividades

 A festa comezará ás 10:00 horas coa apertura dos postos na carballeira, seguido de pasarrúas a cargo de charangas e das pandereteiras de Cea. Ás 12:30 horas terá lugar a recepción de autoridades no campo da Saleta. Media hora máis tarde, ás 13:00 horas, as Cantareiras de Ardebullo tomarán o relevo co seu humor. Como ven sendo habitual, ás 14:30 terá lugar un xantar organizado a base destes productos acollidos a denominación de orixe. Xa pola tarde, ás 18:00 horas volverá a música da man das pandereteiras de Cea. Tampouco faltará a tradicional degustación de balde de Pan de Cea e chourizos ao viño, doados por Embutidos Tradicionais “Castro Bello” e por Señorío de Beade-A Portela. A festa rematará cun baile popular a partires das 20.30 horas.

O alcalde de Cea, José Luis Valladares, incidíu no transcurso da súa intervención radiofónica na importancia que ten para Cea a industria do pan e o gran acerto que tiveron fai 22 anos cando "acoardamos facer aquela primeira edición da festa do pan de Cea, porque 22 anos despois xa é data sinalada no calendario ceano, ademáis de ser un escaparate tanto para o noso pan como para o pobo de cea". Valladares convidou a toda a audiencia a achegarse a Cea "tanto este domingo como calquera outro dia do ano, que coñezan o noso casco vello, o mosteiro de Oseira ou a Serra da Martiñá, se veñen seguro que repiten".