Celébrase este sábado 19 de Outubro: O Carballiño volve acoller unha nova edición do Encontro Literario de Ourense

15, Outubro 2019

Por terceiro ano consecutivo, e segundo no Carballiño, o colectivo ELO organiza unha nova edición do Encontro Literario de Ourense, que terá carácter solidario a prol da loita contra o cancro de mama, e que se celebrará este sábado, 19 de outubro, no salón de actos do Casino do Carballiño.

O evento foi presentado esta mañá polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, e as escritoras e integrantes do colectivo organizador Cristín Ferro e Lizzi Quintas.

Escritores e escritoras, bloggers, instagrammers, representantes de editoriais e axencias literarias, así como lectores e lectoras, acudirán a este encontro, no que se desenvolverán seis mesas sobre diferentes temáticas e xéneros literarios e edición, e outro tipo de actividades como a novidade da exhibición de combates de esgrima ou xogos literarios baseados en concursos de televisión como A ruleta da sorte ou Agora caigo.

As persoas que donen á asociación contra o cancro (aecc) un mínimo de 3 euros recibirán a cambio un book dunha obra literaria.
As mesas de debate levan nome de flores, en relación á temática, e entre elas hai unha sobre o proceso de edición, na que intervirán programadores, maquetadores, ilustradores e cantas persoas interveñen na edición dunha obra literaria.

Entre as persoas participantes figuran destacados escritores e escritoras, así como bloggers e representantes de editoriais novidosas, como Ages Editora que recupera libros descatalogados, ou a portuguesa Cooperativa Sacauntos.

Diego Fernández amosou a súa satisfacción pola organización por segundo ano consecutivo deste encontro no Carballiño, que ía a situar á vila nun lugar de referencia dos eventos literarios en Galicia. Ao respecto recordou o dinamismo cultural do Carballiño este outono, como acontece coa Mostra de Teatro Amador. Por todo isto, agradeceu ás organizadoras o traballo que realizan e reiterou a colaboración do concello.
Lizzi Quintas expresou a súa satisfacción por poder celebrar a terceira edición do ELO e de facelo por segunda vez no Carballiño. Dixo que a elección do Casino como lugar de celebración obedecía sobre todo á idoneidade das instalacións así como á situación estratéxica, permitindo acercar aos escritores co público, que é un dos obxectivos do encontro. Neste senso animou á participación, recordando que a entrada é totalmente libre e gratuita para o público.

Tamén destacou o interese das mesas de debate, como a do proceso de edición; a presencia de editoriais novidosas, e as actividades complementarias como os xogos e a exhibición de combates de esgrima.

Cristín Ferro corroborou o interese destas propostas, así como a presencia dun número importante de escritores, bloggers e editoriais, e recalcou o carácter solidario do encontro a prol da loita contra o cancro de mama, establecendo donativos mínimos de 3 euros que serán compensados con B´s literarios. Tamén recalcou o acceso libre e gratuito ao evento.

O encontro comezará ás 9 da mañá do sábado e rematará ás 9 da noite.

A entrada é totalmente aberta ao público, polo que calquera persoa pode acceder ao salón de actos do Casino para asistir ás mesas e demáis actividades do encontro.