Celébrase o domingo 6 de Outubro: O Carballiño agarda superar o medio milleiro de participantes no Día da Bici

29, Setembro 2019

O Día da Bici chega á súa décimo quinta edición, e terá lugar o domingo 6 de outubro. Así se dixo durante a presentación do evento que se levou a cabo na Praza de Abastos coa asistencia da concelleira de Deportes, Silvia Baranda; o presidente da asociación de praceiros, Eligio González; o presidente do Centro Comercial Aberto, Julián Garriga; o presidente do Club Ciclista Carballiño e propietario de Sobre Rodas, Roberto Rodriguez, e Manuel Otero, de comercial Orcellón.

Nesta edición celebraranse varios sorteos, entre outros, dúas bicicletas, e entregarase unha camiseta conmemorativa aos 350 primeiros inscritos.

As inscricións, que son gratuitas, poden efectuarse entre o 30 de setembro e o 4 de outubro na área de Deportes do Concello do Carballiño, ou o mesmo día do evento unha hora antes do comezo, de 10:00 a 11:00 h.

A saída darase ás 11:30 h., desde a praza da Veracruz, e a chegada será no mesmo lugar. O percorrido previsto será de 9 km, e haberá unha zona de xogos no anfiteatro da Veracruz para os máis pequenos.

Trátase dun paseo familiar, que está aberto a todas as idades, e que será doado para pequenos e maiores, de forma que todos os inscritos podan realízalo sen ningún impedimento, agás a obrigatoriedade de levar casco.

Silvia Baranda recordou que esta festa da bicicleta fora promovida había quince anos sendo ela concelleira de Deportes, e que tras este tempo estaba xa moi consolidada, e que por eso convidaba a toda a veciñanza, pequenos e maiores, sin distingos de idades, a inscribirse e participar.

Roberto Rodríguez confirmou que se trata dun paseo lúdico familiar sin ningún tipo de competición, e que, tanto como presidente do Club Ciclista Carballiño como por por parte de Sobre Rodas, estaba encantado de colaborar un ano máis con este evento.

Precisou que o percorrido está pensado para todas as idades, e que os màis cativos terían un lugar de xogos na praza da Veracruz. Así mesmo, dixo que Sobre Rodas instalará un taller á saída para axudar a arranxar calquera problema que se produza nas bicicletas.

Eligio González amosou a súa satisfacción por presentar o evento no marco da Praza de Abastos, recordando que se celebra actualmente o 90 aniversario deste servizo municipal, e que tamén colaboraban con produtos que serán sorteados o domingo 6 de outubro ao remate do percorrido.

Manuel Otero tamén animou á participación, igual que Julián Garriga, que felicitou aos organizadores por esta nova edición do Día da Bici no Carblliño, e animou a participar de xeito masivo.

O Día da Bici, que organiza o concello do Carballiño, conta co patrocinio da Deputación de Ourense, Inorde, Praza de Abastos, Coca-Cola, Gadis, Sobre Rodas, Coluer, Orcellón e Centro Comercial Aberto. Asimesmo, colaboran Club Ciclista Carballiño, Policía Local, Garda Civil, Protección Civil e a Xefatura Provincial de Tráfico da DGT.