Comeza este lúns a 2ª edición do programa "O Carballiño Cardiosaudable"

20, Abril 2019

Cunha charla do médico de medicina familiar e comunitaria, Antonio Padrón, e a realización da primeira ruta cardiosaudable, dará comezo este luns, 22 de abril, a segunda edición dos obradoiros do programa “Carballiño Cardiosaudable”, que se desenvolverán no salón de actos do concello durante toda a semana, ata o venres, 26 de abril, en horario de 11,00 a 13,00 h., e con asistencia libre ata completarse o aforo do salón.

Organizados polo centro de saúde do Carballiño en colaboración coa concellería de Sanidade, estes obradoiros enmárcanse na campaña de prevención de riscos cardiovasculares, que se celebra por segundo ano consecutivo, tras o éxito acadado na primeira edición.

O inicio da Ruta 3, do total de sete que forman parte do programa “Camiña cara á Saúde”, e que se van a sinalizar posteriormente, terá lugar ás 11,30 h., na Praza Maior. Esta ruta continúa pola rúa do Paseo, Margarita Taboada, Balneario, Paseo do Arenteiro e regreso ao centro da vila.

O obradoiro do martes versará sobre tabaquismo e alcol, e será impartido pola residente en medicina familiar, Alba Pérez, e tamén se traballará sobre primeiros auxilios, signos e síntomas de alarma nas urxencias cardiovasculares, que será impartido polo residente en medicina familiar, Hugo Alonso García.

O mércores tratarase a disilipemia: como manter o colesterol e os triglicéridos baixo control, que impartirá a enfermeira Beatriz Blanco Salgado; e tamén se realizará un taller de relaxación para controlar o estrés, que será impartido pola residente en medicina familiar Karin Meier Cácharo.

Os temas da sesión do xoves serán os hábitos de vida saudables para un bo control da tensión arterial, que impartirán Belén González e Purificación Blanco, e a diabetes como factor de risco cardiovascular, que será impartido por Verónica Civeira, Miriam Irene Cedrón e Elvira Salgado.

E o venres clausurase o ciclo co tema da importancia de comer ben, que será impartido por Verónica Civeira e Miriam Irene Cedrón, e o exercicio físico como factor protector, que impartirá María Salve Bouzo.

Como remate, levarase a cabo unha sesión de zumba, que realizará a monitora desta especialidade de baile e directora da Escola Municipal de Danza, Antía Pérez.

As enfermidades cardiovasculares siguen sendo a primeira causa de morte en España. Están relacionadas con factores de risco, como a hipertensión, a obesidade, a diabetes, o tabaquismo, o consumo de alcol, o sedentarismo... Son factores fácilmente correxibles adoptando hábitos de vida saudables.

Por todo isto, desde o centro de saúde consideran necesario concienciar á poboacion sobre a importancia da prevención, e darlle pautas sinxelas e prácticas para facilitar o control dos factores de risco cardiovascular.