Comeza a quinta tempada de "Entrenando as Cabeciñas", estimulación cognitiva para as persoas maiores de 50 anos, nos concellos de Beariz, Boborás, O Irixo e San Amaro.

6, Setembro 2022

A Mancomunidade de Concellos do Carballiño informa da posta en marcha da quinta edición dos talleres de estimulación cognitiva denominados Entrenando as cabeciñas, dada a acollida e o éxito que tiveron durante as pasadas edicións.

Trátase dunha actividade destinada a persoas maiores de 50 anos, moi importante para fomentar as capacidades cognitivas e un envellecemento activo e saudable.

Esta iniciativa será impartida polo Programa de Educación Familiar; e serán as 3 educadoras familiares que forman o equipo as que se desprazarán a cada un dos 4 concellos que participan deste programa, e que son os de Beariz, Boborás, O Irixo e San Amaro, para traballar áreas tan importantes como a linguaxe, a memoria, o cálculo, a atención e as funcións executivas.

A actividade dará comezo o 19 de setembro e, facendo os descansos correspondentes ó calendario escolar, está previsto continuar co seu desenvolvemento ata o mes de xuño, sempre e cando se manteña a demanda da actividade.

Toda persoa interesada en participar debe comunicalo no seu concello, onde formalizará a inscrición nesta actividade, totalmente gratuíta.

Os talleres terán lugar os martes de 10:00 a 11:00 no salón de actos da casa do concello do Irixo, os mércores de 10:00 a 11:00 h. na casa do concello de San Amaro, os xoves de 10:30 a 11:30 na casa do concello de Beariz, e finalmente os venres de cada semana no centro social da Almuzara de 10:00 a 11:00 h. para a veciñanza do concello de Boborás.