Comezan as obras de limpeza e conservación na ponte da Esperela

5, Agosto 2020

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de limpeza e conservación da ponte sobre o río Avia, na estrada de titularidade autonómica OU-209, no concello de Leiro. As obras foron adxudicadas á empresa Outra Vertical, S.L. por preto de 30.000 euros e contan cun prazo de execución de tres meses. O obxectivo desta intervención na coñecida como ponte Esperela é proceder á retirada da vexetación existente, beneficiando a súa conservación e mellorando a súa imaxe.

Esta infraestrutura ten 180 metros de lonxitude, un ancho de 6 metros nos estribos, e 4,8 metros nos arcos. A ponte está construída enteiramente con perpiaños de granito, consta de cinco arcos rebaixados e catro tallamares. A calzada ten unha rasante plana e os peitorís son de cantería maciza. As luces dos arcos son de 15 metros, e as pilas teñen 2 metros de ancho.

As actuacións de limpeza e conservación desta ponte céntranse na retirada manual da vexetación e maleza que existe nos paramentos de cantería, así como a limpeza das xuntas coa eliminación da terra, raíces e restos de morteiro en mal estado. Estes traballos execútanse por persoal especializado en intervencións verticais.

Reporanse tamén as pezas danadas ou desaparecidas do paramento ou barreiras, mediante sillería nova de granito coas características de resistencia, composición e cor similares á existente. Ao remate destes traballos, realizarase nas zonas que sexa necesario un recheo profundo de xuntas horizontais ou verticais dos paramentos de sillería de pedra, con morteiro de albanelaría de cal hidráulico coloreada e area.

A intervención completarase coa roza e limpeza do dominio público nas marxes próximas á ponte. Con estas obras na ponte Esperela aténdese a solicitude realizada polo Concello, iniciándose os traballos unha vez obtida a autorización da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, necesaria para a súa execución.