Comezan as obras para dotar de acceso ao parque empresarial de Beariz, cun investimento de 445.000 euros, aportados pola Xunta

8, Setembro 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou as obras para dotar de acceso o parque empresarial de Beariz desde a estrada OU-212, que suporán un investimento de 445.000 euros.

A intervención, que conta cun prazo de execución de 4 meses e prevé o seu remate a comezos do vindeiro ano 2023, ten como obxectivo que o futuro parque empresarial dispoña dun acceso cómodo e seguro desde esta vía autonómica, para reforzar a competitividade e as potencialidades empresariais do municipio.

Esta actuación é o resultado dun estudo onde se analizaron seis alternativas, tendo en conta a xeometría da estrada, a funcionalidade e a seguridade viaria. A solución concreta está recollida no Plan Especial de Creación de Solo Industrial do Concello de Beariz, desenvolvéndoa segundo o previsto no informe de sustentabilidade ambiental dese plan.

Actuarase, concretamente, ao longo duns 250 metros na estrada OU-212 pola marxe esquerda da vía, executando unha intersección que permitirá todos os movementos, en especial dos vehículos pesados que se acheguen ata o polígono.

A obra comprende a habilitación de cuñas de aceleración e desaceleración de 30 metros de lonxitude para facilitar a incorporación á estrada e tamén a saída cara ao polígono en condicións de seguridade, ademais de carril central de espera para favorecer os xiros desde esta estrada cara á área empresarial, pensando en ofrecer maiores facilidades aos camións.

Na zona onde se executa a nova conexión o trazado está formado por unha recta duns 400 metros de lonxitude que, aproximadamente no seu punto medio, conta cunha estrutura de vigas prefabricadas que permite o paso sobre o regato existente.

A intervención incluirá a instalación de canalizacións de servizos baixo a berma que serve de protección contra os desprendementos de terras, en previsión da necesidade futura de darlle continuidade á iluminación do parque empresarial, de forma que só sexa necesario a instalación de báculos e de cableado.