A Concelleira do BNG critica o recorte en políticas de emprego e contratación de persoas en paro

4, Xullo 2012

O BNG de O Carballiño presentou no Concello unha moción para denunciar que a Xunta ten recortado en 61 millóns de euros as axudas ás corporacións municipais para políticas activas de emprego e para a contratación de paradas e parados.

A portavoz municipal do BNG, Àurea Francisco Lorenzo manifesta que “esta drástica redución dos fondos públicos aos concellos para combater o paro é especialmente antisocial nun momento en que, precisamente a consecuencia das políticas despregadas polo PP en Galiza, o paro no noso país medra a un ritmo superior do que no Estado”.

Ademais, Àurea Francisco  dixo que “neste contexto resulta absolutamente inconcebíbel que se reduzan as partidas económicas que permitían aos concellos desenvolver políticas activas de emprego, actividades de formación e contratación de parados e paradas en servizos municipais”.

Finalmente, Àurea Francisco  declarou que “o Partido Popular, por tanto, insiste en políticas contrarias ás maiorías sociais e contrarias a calquera hipótese de saída xusta da crise. Non só recorta as axudas para a creación de emprego, senón que, mediante a contrarreforma laboral, ten abaratado o despedimento, o que até agora se ten traducido, como advertía o BNG, nun brutal incremento do desemprego tanto en Galiza como no Estado”, remarcou.