A concelleira do BNG recolle nun documento as medidas de comunicación, voluntariado, sociais, sanitarias e fiscais para aplicar no concello.

3, Abril 2020

Os grupos políticos da oposición municipal continuan dando a coñecer distintas propostas e medidas que apoiarán no concello do Carballiño dentro do "escudo social e económico" que debería xa poñer en marcha a institución municipal.

A concellleira do Bloque Nacionalista Galego, Sofía García, deu a coñecer esta mañá un documento no que se fixan as prioridades para esta formación politica, e que son as seguintes:

Medidas de información e comunicación

•Crear un apartado no web municipal “CORONAVIRUS” no que se informe de todas as novas, medidas e recomendacións relativas ao coronavirus.
•Actualizar e difundir por todos os medios do Concello a información coas recomendacións, teléfonos de contacto, resolucións da comisión de seguimento, información sanitaria, etc.
•Informar á corporación de todas as medidas que se tomen para poder aportar as melloras que se poida.

Medidas con voluntariado

•Posta en marcha, dende a Concellería de Servizos Sociais, dun programa de acompañamento telefónico ás persoas da terceira idade e a aquelas que son máis vulnerables, para evitar os efectos do illamento, coñecer de primeira man o seu estado e poder facer seguimentos diarios.
•Creación dun rexistro de voluntarios e voluntarias con perfís persoais e profesionais que poidan ser útiles neste momento (psicólog@s, traballadores e traballadoras sociais, estudantes ou profesionais de ramas sanitarias, etc.) e Creación dun rexistro de ofertas voluntarias e demandas de bens e subministros que poidan ser de utilidade nestes momentos.

Medidas Sociais

•Implementar axudas de emerxencia ás familias para afrontar as necesidades dos e das menores, familias desfavorecidas e afectadas polo impacto da situación socioeconómica do coronavirus.
•Atención ás persoas sen fogar, adoptando as medidas necesarias para que se garanta o seu dereito á saúde.
•Esixir da Xunta de Galiza a atención ás residencias de persoas maiores, que garantan a saúde das persoas residentes e dos traballadores e traballadoras.
•Coordinar coas outras administracións un protocolo de atención e seguimento a vítimas de violencia machista durante o periodo de confinamento.

Medidas do Servizo de Limpeza

•Reforzar a desinfección e fumigación dos espazos públicos, especialmente aqueles de maior concentración de persoas e nos días de maior tránsito de veciños e veciñas: Centro de saúde, supermercados, farmacias, etc. Para a realización dos mesmos deberán traballar coordinados os voluntarios de Protección Civil e os integrantes da U.M.E. desprazados na contorna.
•Establecer un protocolo de “Recollida de lixo porta a porta”, baixo petición de persoas vulnerables.
•Establecer un protocolo de recollida de lixo a domicilio para posibeis doentes positivos por coronavirus.

Medidas para o Persoal e servizos de titularidade municipal

•Dotar de equipas de protección individual a todas as persoas que desenvolvan labores en contacto co público. Asegurar o cumprimento dos protocolos de prevención en todos os servizos de titularidade municipal.
•Impulso do teletraballo e da atención telefónica e/ou telemática, reducindo a atención presencial ao imprescindíbel.

Medidas fiscais

•Facer un plan de aprazamento, fraccionamento ou condonación, (ata onde a lexislación permita) dos impostos, recibos e taxas en función das situacións concretas de cada persoa ou empresa.
•Iniciar o estudo para a posta en marcha, pasado o período de emerxencia sanitaria, dun Plan de reactivación económica naquelas cuestións de competencia municipal.
•Reforzar as Axudas de Emerxencia Social para evitarmos situacións de exclusión. Polo tanto deberá incrementarse no necesario, a partida orzamentaria adicada para estes fins.
•Demandar a eliminación urxente da regra de gasto, xa que restrinxe a capacidade de investimento, de reforzamento dos servizos municipais e de contratación de persoal por parte das institucións locais, limitando enormemente a súa capacidade de resposta á crise.