A Concellería de Igualdade e Benestar organiza unha campaña informativa nas parroquias do Carballiño sobre a Lei da dependencia

19, Xuño 2010

A Concellaría de Igualdade e Benestar do Concello do Carballiño, que dirixe a nacionalista Áurea Francisco, en colaboración co Sindicato Labrego Galego promoven unha campaña informativa sobre a Lei de Dependencia e o mundo rural. A campaña consistirá nunha serie de reunións ou charlas con variadas informacións sobre a nova Lei da Promoción da Autonomía Persoal e Atención ás Persoas en Situación de Dependencia centradas fundamentalmente nas persoas maiores e os seus familiares, dando conta dos servizos existentes e das posibilidades de accesibilidade a estes, así como, dos trámites e procedementos para a súa solicitude. As charlas perseguen, asemade, sensibilizar sobre o papel social das coidadoras e coidadores das persoas dependentes que, no mundo rural e, en máis do 90% dos casos esta labor é desenvolvida por mulleres. Esta campaña informativa está subvencionada polo Fondo Social Europeo e pola Xunta de Galicia a través da Consellería de traballo e Benestar. Dende o Concello do Carballiño, destácase o interese destas charlas para todas e todos as veciñas e veciños do rural e, nomeadamente, para aquelas familias nas que algún dos seus membros teña solicitado ou recoñecida unha situación de dependencia, así como para todo aquel que pretenda iniciar un expediente na administración.As parroquias e lugares onde se van celebrar estas reunións son:

- Para Arcos e Seoane, o luns 21 de xuño en Arcos, ás 20:00 h.

- Para a Piteira e Santa Uxía, o martes 22 de xuño na Piteira, ás 20:00 h.

- Para A Veiga, Madarnás e Mudelos, o mércores 23 de xuño na Veiga, ás 20:00 h.

- Para Mesego, Sagra, Banga e Cabanelas, o xoves 24 de xuño en Mesego, ás 20:00 h.

- Para O Carballiño e Longoseiros, o luns 28 de xuño no Carballiño, ás 20:00 h.

- Para Partovia, Señorín e San Fiz, o martes 29 de xuño en Partovia, ás 20:00 h.