Concello e Abanca asinan un convenio para traer a O Carballiño o programa interxeneracional "O valor da experiencia"

12, Novembro 2019

O alcalde do Carbaliño, Francisco Fumega; a coordinadora institucional para Lugo e Ourense da Fundación Galicia Obra Social, Beatriz Fernández García, e o coordinador de negocio institucional en Ourense de Abanca, Mateo Alonso San Román, asinaron esta mañá un convenio de colaboración entre a institución municipal carballiñesa e a entidade bancaria e a súa fundación da obra social, coa finalidade de colaborar no desenvolvemento de actividades enmarcadas no programa interxeracional de Afundación “O valor da experiencia”.

Como primeira actividade deste convenio atópase a realización da obra de teatro “Os vellos namorados”, que correrá a cargo do grupo Teatro Sénior de Afundación. A representación será este mesmo xoves, 14 de novembro, ás 20,00 h., no auditorio municipal Manuel Maria, e coa entrada totalmente de balde ata completar o aforo.