Concello e praceiros de acordo en dinamizar a Praza de Abastos, á que chegarán novos inquilinos

28, Abril 2016

O concello do Carballiño ten previsto convocar un concurso para ocupar os 23 postos que permanecen vacantes na praza de abastos. Actualmente, están ocupados prácticamente a metade dos postos dos que dispón o mercado, 20 postos concretamente.

Esta foi unha das iniciativas das que se informou durante a reunión mantida no salón de sesións do concello polos praceiros e o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Nogueira. Ao respecto, Nogueira dixo que había unhas 20 peticións de información acerca das prazas vacantes, que se poderían convertir en solicitudes no caso da convocatoria do concurso.

“Este dato fai albergar moitas esperanzas para que se poida producir un rexurdimento do mercado de abastos”, segundo engadiu o concelleiro. Tamén se acordou estudar fórmulas para mellorar e dinamizar a praza de abastos e para resolver algunhas cuestións de interese tanto para os praceiros como para os usuarios. Así, prevese resolver o problema que xeneran os contenedores instalados no exterior do edificio para recoller o lixo xenerado polos postos e habilitar un espacio interior pechado, de forma que se eviten os malos olores e, ao mesmo tempo, que os contenedores non estean visibles.

Será, polo tanto, un cambio na forma e no fondo, de salubridade e de imaxe. Con respecto ao aparcamento, tamén se estudará a maneira de que poida ser máis eficaz tanto para o servizo da praza como para os clientes, procurando que haxa máis mobilidade nas prazas de aparcamento.

Neste sentido, analizarase a posibilidade de poñer en práctica un sistema semellante ao das zonas azuis que garanta a alternancia do aparcamento cada certo tempo, que podería ser un máximo de media hora. Non obstante podería adoptarse outra fórmula, xa que hai varias posibilidades. Finalmente, na reunión falouse dalgunhas necesidades de melloras no interior da praza, ainda que xa se levaron a cabo reformas importantes no último ano, que se valoraron positivamente.