Concello e Secretaría Xeral para o Deporte financian a obra de mellora na pista anexa do Paco Chaoa

10, Xaneiro 2018

A nova tarima flotante do pavillón anexo de Deportes xa está plenamente operativa para a práctica de todas as modalidades deportivas en pista cuberta. A secretaria xeral para o Deporte, Marta Míguez, visitou hoxe esta instalación acompañada polo alcalde, Francisco Fumega; o concelleiro de Deportes, Manuel Dacal; e o voceiro e o concelleiro do Partido Popular, Argimiro Marnotes e Emilio Carballeda, respectivamente.

Francisco Fumega agradeceu o compromiso e a colaboración da secretaria xeral para levar a cabo a renovación desta pista, que era unha verdadeira necesidade, pois atopábase en malas condicións dende había tempo, e cuxo proxecto tivo un investimento de 61.000 euros, que foron aportados pola Xunta e o concello. O alcalde recordou o elevado uso desta instalación por parte das escolas deportivas municipais e clubs nas máis diversas modalidades, que serán os grandes beneficiarios da reforma realizada.

Marta Míguez tamén destacou a colaboración das administracións autonómica e local, “que é básico e é a línea que hai que seguir” –según dixo-. Tamén se referiu ao enorme potencial da práctica deportiva na vila do Carballiño, e asegurou que os grandes beneficiarios desta mellora do pavillón anexo serán os veciños e veciñas.

Finalmente, Manuel Dacal explicou as características da nova tarima flotante, que permitirá a práctica deportiva e a organización de competicións oficiais de calquera ámbito de balonmán, baloncesto, fútbol sala, patinaxe, ximnasia rítmica, taekwondo e outros deportes de pista cuberta. De feito, avanzou que hai peticións dalgunha federación para traer unha competición deportiva de ámbito nacional.

O proxecto foi executado pola empresa Mondo, especializada neste tipo de instalacións, e consistiu na resolución dos problemas anteriores de humidade e afondimento da pavimento nalguhas zonas, colocando unha nova tarima de madeira e pavimento de parqué enriba. Así mesmo, a pista leva un zócalo arredor, cunha lixeira separación das paredes, para evitar os posibles problemas derivados da dilatación.