Concello e Xunta amplian a colaboración para executar obras de mellora en varias rúas de Beariz

4, Outubro 2022

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Beariz, Manuel Prado, mantiveron unha reunión na que estudaron a posibilidade de levar a cabo actuacións de humanización en varias rúas do municipio.

Este proxecto levaríase a cabo no marco do plan Hurbe, unha iniciativa posta en marcha pola Xunta en 2010 para promover o desenvolvemento das vilas e dos núcleos rurais con criterios de sustentabilidade económica, medioambiental e social; así como mellorar os equipamentos e dotacións, aumentando a variedade e elevando os niveis de servizos co fin de incrementar o atractivo das vilas e dos núcleos rurais galegos.

De feito, ao abeiro desta iniciativa, no concello de Beariz xa se levaron a cabo melloras nas rúas do núcleo de Alvite, nas prazas de Alvite e Lebozán, e nas contornas da casa consistorial e da igrexa de Doade.