Concursos, desfile de charangas e carrozas, xantar e concerto, na XXVI Festa da Vendima

28, Agosto 2015

A vila de Leiro acolle o domingo 30 de Agosto a 26 edición da Festa da Vendima do Ribeiro.

Están convocados concursos de acios, adornos de balcóns e escaparates, e de carrozas. Precisamente, o gran desfile de carrozas pola rúa principal de Leiro, no que participarán dende as 12,30 da mañá unha banda de gaitas e 3 charangas, constitúe a actividade estrela da programación festiva.

Antes, ás 12 do mediodia na Praza do Cruceiro, o maxistrado do Tribunal Supremo, Jesús Souto Prieto, exercerá como pregoneiro da festa.

No Parque do Salgueiral, onde se instalarán 30 postos de venda no mercado artesanal, desenvolveránse as actividades previstas para o resto da xornada, incluido o xantar oficial, ás 14:30 horas.

Finalmente, ás oito da tarde, a Igrexa parroquial de san Pedro de Leiro acollerá o concerto de corais da vendima, que organiza a coral local "Val do Avia".