A Confederación Hidrográfica colabora co concello de Maside para acondicionar a rede de pluviais na Rúa Principal

21, Maio 2019

José Manuel Iglesias “Cadavid”, alcalde de Maside, e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, asinaron un convenio para a execución das obras de reparación da rúa Principal de Maside no tramo do centro ó enlace coa N-541.

Este tramo viuse moi severamente afectado polo último gran temporal que viviu a capital do Concello, que afectou sobremaneira as redes de abastecemento, saneamento e, sobre todo, de pluviais. Estas últimas rebentaron en varios sitios, abrindo as beirarrúas e facendo blandas e socavóns en moitos puntos da calzada.

Agora, “despois de varias solicitudes que xa tramitara o meu predecesor ante a Xunta e a Deputación, coa calada por resposta, salvo o traballo para a valoración dos danos que nunca chegou, logramos agora que a administración do Estado colabore connosco na financiación dunha obra tan custosa como é esta”, sinala o alcalde masidao.

En efecto, preto de medio millón de euros destina a Confederación a esta obra que José Manuel Iglesias considera prioritarísima, pois segue habendo risco de socavón e a chegada dun novo temporal como o anterior tería uns efectos devastadores”.

En palabras do rexedor municipal “ as augas pluviais acadan tal velocidade e tal presión neste tramo de forte pendente que as conducións non o soportaron, polo que se fai necesario tomar medidas que só coa axuda da Confederación, grazas á comprensión do problema por parte do seu presidente, José Antonio Quiroga, é posible afrontalas”, subliñou.