A conselleira de Medio Ambiente e alcalde acordan a reforma integral da rúa Padre Eiján

29, Febreiro 2016

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, trasladoulle ao alcalde de Leiro, Francisco José Fernández, que a Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio colaborará co concello na mellora e acondicionamento da Rúa Padre Eiján no núcleo urbano.

Durante o encontro, o alcalde explicoulle á conselleira que se trata dunha rúa que constitúe un eixe vertebrador do núcleo, xa que da acceso ao Paseo Fluvial dende a rúa Gabino Bugallal e presenta un ancho escaso. Pola súa banda, a conselleira trasladoulle que se trata dunha actuación que se pode enmarcar dentro do Plan hUrbe da Xunta de Galicia, que busca promover e apoiar actuacións que perseguen recuperar os espazos de encontro dos cidadáns e contribuír ao reequilibrio territorial fixando poboación no medio rural. Mato Otero indicoulle que é necesario asinar un convenio de colaboración para a execución das obras, que debe contar co visto bo do Consello da Xunta, e posteriormente licitalas.

As accións a acometer teñen como finalidade fundamental o acondicionamento para o tráfico peonil e rodado deste punto, xa que nestes momentos conta cun pavimento bastante deteriorado.

Así, executarase unha nova pavimentación da rúa, salvo o ancho irregular que presenta agora, para o que tamén será necesario soterrar unha pequena rede de tubaxe de paso e arquetas, e instalarase alumeado público.

Esta actuación tamén implicará a mellora das infraestruturas que discorren baixo a rúa, polo que se procederá a revisar a rede de saneamento de fecais. Realizarase unha nova rede de saneamento de pluviais, porque os sumidoiros para a auga de chuvia verten directamente na rede de fecais. Esta nova rede deseñarase de tal xeito que cando sexa necesario acometer nela as baixantes de pluviais das edificacións, non será necesario recorrer ao picado masivo do novo pavimento. Tamén se propón deixar executada unha preinstalación a base de arquetas de rexistro e tubaxe que nun futuro permitan instalar redes de telefonía ou similares sen necesidade de picar o pavimento da rúa.