A Consellería de Cultura remata unha nova fase dos traballos de escavación e consolidación do castro de Cameixa

13, Setembro 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse ao concello de Boborás para comprobar da man da súa alcaldesa, Patricia Torres, o final dos traballos de escavación e consolidación do Castro de Cameixa, nos que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade investiu na edición deste ano 12.705 euros.

Gabriel Alén explicou que os traballos consistiron na limpeza e roza, baixo control arqueolóxico, da vexetación da zona de actuación e a súa contorna máis inmediata, isto é, a parcela de actuación e acceso á mesma.

Tamén se desenvolveron traballos de escavación –destacou o representante do Goberno galego- con metodoloxía arqueolóxica dunha área de aproximadamente duns 100 m2 que permitiu exhumar parte dos restos arqueolóxicos descubertos nas escavacións dos anos 40 do século pasado que posteriormente se diagnosticaron e as estruturas exhumadas foron debidamente consolidadas.

Por último tamén levaron a cabo traballos de documentación fotográfica e planimétrica da área de actuación e das diferentes fases.

O Castro de Cameixa

O Castro de Cameixa sitúase no concello ourensán de Boborás, en concreto, na parroquia de San Martiño de Cameixa, lugar de Cameixa. Trátase dun castro de obrigada referencia na bibliografía especializada debido a que foi un dos primeiros castros que se escavou con certa metodoloxía arqueolóxica (anos 40 do século XX) e que achegou datacións absolutas de C14 que permitiron reformular os distintos períodos da cultura castrexa. Presenta dous recintos amurallados e mesmo outro antecastro máis exterior pero sen defensas ben definidas. Foi escavado nos anos corenta do século pasado por Florentino López Cuevillas e Xaquín Lorenzo Fernández deixando ao descuberto parte dun tramo de muralla xunto con dúas construcións circulares e unha cuadrangular. Froito da escavación exhumáronse restos cerámicos, pétreos, orgánicos (landras e legumes carbonizadas) e metálicos que abarcan un espectro cronolóxico que iría desde o século VI A. C. ata o I ou mesmo II D. C.

Desde o ano 2018 están a levarse a cabo campañas arqueolóxicas anuais para a posta en valor do devandito xacemento: en 2018 procedeuse a seleccionar a zona de escavación partindo dos debuxos de Xaquín Lorenzo con motivo de localizar e exhumar os restos de estruturas que se rexistraron nas escavacións dos anos corenta, cuadriculando unha zona duns 100 m2. No ano 2019 procedeuse a seleccionar a zona de escavación cuadriculando unha zona duns 120 m2 (escavando unha superficie de 80 m2), e continuando coas xa escavadas no ano 2018. No ano 2020 procedeuse a cuadricular uns 80 m2 e continuouse cos restos estruturais atopados en 2019. O obxectivo era por unha banda, completar o peche da estrutura cuadrangular que se superpón á circular no sector norte e doutra banda ampliar a escavación a unha zona non escavada por X. Lorenzo co fin de definir/comprobar datos estratigráficos e de materiais necesarios para seguir avanzando na investigación deste xacemento.