A consellería de Medio Ambiente mellora a rúa Padre Eiján, cun investimento de 150.000 euros

18, Xullo 2017

A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, destacou que actuacións como o acondicionamento da Rúa Padre Eiján axudan a fomentar un urbanismo responsable, sustentable e participativo; xa que fomentan a colaboración e coordinación entre administracións, promoven o uso de zonas públicas e potenciase a relación e a integración das persoas.

Mato Otero visitou esta mañá as actuacións realizadas en Leiro, a cargo do Plan hUrbe, nas que a Consellería investiu un orzamento de preto de 150.000 euros. Engadiu que o valor destas actuación non só reside no investimento realizado, senón que é tamén importante os obxectivos que se acadan, como poñer en valor unha céntrica rúa, que tiña un pavimento moi deteriorado, unha iluminación inadecuada e carecía de infraestruturas subterráneas necesarias.

Despois dos meses de traballo, a rúa agora conta con nova pavimentación, que combinou formigón da zona central co lousado de granito das bandas laterais; modernizouse e ampliouse a iluminación e realizouse unha nova rede de saneamento de pluviais e revisouse a rede de saneamento de fecais.

A conselleira recordou que a Xunta puxo en marcha o Plan hUrbe no ano 2010 cun triplo obxectivo: fomentar a humanización das vilas de Galicia, e a rúa Padre Eiján é hoxe un espazo máis humanizado que onte; favorecer a cooperación da Administración autonómica e os concellos, esta obra é un bo exemplo, xa que o concello achegou o proxecto, e a Xunta o 100% do financiamento da obra; e promover o reequilibrio territorial na Comunidade, recuperando os espazos públicos, como este, para a Galicia do futuro.

Este esforzo ten o seu reflexo no investimento realizado, que só na provincia de Ourense, no período 2010-2017 supera os 10 millóns de euros, co que se puido e se pode financiar 65 actuacións en 35 concellos desta provincia, entre as que figura o acondicionamento das rúas Emilio Hermida e Prado, no Concello de Leiro, e na que se investiu case 50.000 euros.

Recordou que con cargo ao Plan Hurbe, este ano estanse executando ou se executarán 17 actuacións en outros tantos concellos da provincia por valor de máis de tres millóns de euros.