Corenta persoas xa conseguiron traballo a través de Carbaemprega. Este xoves recibirán o seu diploma 24 participantes no curso de soldadura

25, Xuño 2019

Vinte e catro persoas inscritas no Programa Integrado de Emprego de Galicia “ Carbaemprega 2018” finalizaron esta semana o curso de soldadura, que é un dos módulos máis solicitados neste terceiro programa de emprego financiado pola consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, que se puxo en marcha o pasado mes de novembro, e cuxos diplomas seranlles entregados nun acto que se celebrará este xoves, 27 de xuño, ás 10,00 h., no salón de plenos do concello.

Asistirán a este acto o Concelleiro de Turismo, Industria e Emprego, Manuel Dacal; Carlos Rivas, responsable da empresa DIZMAR no Carballiño; os responsables da formación e técnicos do departamento de Orientación Laboral do Concello do Carballiño.

Ata agora xa conseguiron traballo un total de 40 persoas, o que supón o 40% sobre o total de participantes. Ao final do programa, que ten un ano de duración, o obxectivo de inserción é do 45%. Os sectores nos que se empregaron estas 40 persoas son moi dispares, habendo persoas traballando en hostalería, industria, sector alimentario, administración pública e mesmo un usuario contratado de investigador nunha Universidade.

Actualmente os usuarios xa finalizaron as formacións transversais en orientación laboral, manipulador de alimentos e a ocupacional en soldadura, e comezarán en breve cos certificados de profesionalidade, prevención de riscos laborais e carretilla elevadora.

O curso de perfeccionamento de soldadura finalizou o 21 de xuño, onde se lles impartiu tamén formación en prevención de riscos específico para o sector, pechando desta forma a reciclaxe profesional de 24 persoas que remataron a formación na súa totalidade.

Proximamente comezarán a realizar prácticas profesionais non laborais en diferentes empresas do municipio. Así mesmo, o resto de participantes iniciarán pronto a súa formación para os sectores de loxística e forestal.

OBXECTIVOS DE INSERCIÓN

No primeiro plan de emprego conseguiuse reinserir no mercado de traballo a 41 persoas, e no segundo o plan a reinserción superou as 50 persoas. Neste terceiro programa espérase incrementar o número de persoas que consigan un emprego, e que é como mínimo o 45%.