A Corporación Municipal insta á Xunta para que abra un centro de dia no Carballiño

20, Xullo 2012

A moción presentada polo grupo socialista ante o pleno da corporación foi aprobada por unanimidade dos 3 grupos políticos.

O acordo plenario será remitido á Xunta de Galicia, solicitando a apertura dun centro de dia no Carballiño, unha petición que se considera prioritaria por parte do pleno ao considerar a necesidade dun servizo do que carece un municipio que é capitalidade dunha comarca cun dos niveis de envellecemento máis altos de Galicia.

O portavoz socialista, Paco Fumega, suliñou que "unha vez que se anuncia esa inversión de 600.000 euros de diñeiro público para o equipamento da residencia do Cornuval, esperemos que non se privatice, pero en todo caso pensamos que é a ubicación ideal para este centro de dia, xa que sería totalmente compatible coas persoas que vaian residir neste centro". O concello do Carballiño achegará agora á Xunta esta solicitude de creación dun centro de día no Carballiño.

O Alcalde, Argimiro Marnotes, comprometeuse a trasladar á Xunta a inquietude pola supresión da oficina liquidadora de taxas e impostos, aínda que o Partido Popular rexeitou unha moción con esta petición presentada pola concelleira do BNG, Áurea Francisco. A maioria popular rexeitou outras mocións da concelleira nacionalista contra as medidas económicas do goberno central e solicitando a supresión do copago farmacéutico aos pensionistas.

Finalmente, a oposición votou en contra das dúas dedicacións parciais aos concelleiros de obras e servizos sociais "ao considerar que non é o momento, debido á situación económica pola que estamos pasando".