Cruz Vermella pon en marcha un proxecto de apoio ás persoas con capacidades diferentes

18, Febreiro 2017

Dende xaneiro de 2016, a Asemblea Comarcal de Cruz Vermella no Carballiño leva a cabo un proxecto específico de apoio a persoas con capacidades diferentes, co financiamento do Fondo Social Europeo e a colaboración da Asociación ASPADISI, así como dos servizos sociais do Carballiño.

Dende a posta en marcha deste proxecto, organízanse diferentes accións para potenciar as capacidades básicas dos participantes, tanto persoais como sociais, co obxectivo de aumentar a súa autonomía e mellorar a súa calidade de vida e a das súas familias.

Ademais os participantes teñen a oportunidade de realizar itinerarios específicos e personalizados, co obxectivo de explorar as súas posibilidades nun programa básico prelaboral. En total, 20 persoas de entre 21 e 55 anos participan no proxecto, procedentes de distintos puntos da comarca.

A técnica responsable do proxecto, María África Lavandeira, subliña “a importancia deste proxecto na mellora da autoestima das persoas coas que traballamos, xa que viven no ámbito rural e en moitos casos non teñen finalizados os seus estudos; esta é unha fiestra que se abre para eles e elas, para relacionarse, aprender cousas novas e mesmo poder optar nun futuro a un emprego”.

“O proxecto supuxo implementar de forma moi importante os recursos que había para dar resposta ás persoas con diversidade funcional da nosa comarca; tanto o voluntariado que participa nas actividades como as súas familias, estamos moi satisfeitos e ilusionados ao ver a evolución dos e das participantes, porque teñen ganas de vir aos obradoiros e compartir vivencias, momentos alegres, chegando a ter entre todos nós un trato case familiar”, sinala Lavandeira.

Cruz Vermella organiza actividades de moi distinta índole, como obradoiros de habilidades sociais e socio-laborais, lecto-escritura, obradoiros de teatro, de canto, de informática básica ou igualdade de xénero, co obxectivo de mellorar a súa autonomía, diminuír a fenda dixital e contribuír á redución das desigualdades de xénero existentes, a través da mellora da situación persoal e social.