Denuncian "a actitude discriminatoria" do Alcalde de Piñor

17, Abril 2012

O grupo municipal do PP Piñor "alerta das prácticas discriminatorias que utiliza habitualmente o alcalde socialista deste municipio, negando servicios básicos a veciños en función da súa vinculación política".

Un claro exemplo que exponen os populares é o de Sonia Muñoz Vázquez, propietaria do coñecido restaurante “Ateneo”, un dos máis frecuentados na N-525 cara Santiago, todo un referente no sector. Segundo o grupo municipal do PP en Piñor, esta veciña leva meses solicitando telefónicamente en reiteradas ocasións que lle reparasen ou substituísen os contedores de lixo que dan servicio ao seu restaurante, xa que se atopan rotos e seriamente deteriorados.

 Tal e como manifesta a propietaria do local "o deterioro dos contedores provoca que o lixo caiga constantemente ao chan, provocando non só unha mala imaxe cara os seus clientes, senón as consecuentes molestias hixiénicas que esto supón". Os populares lembran que esta veciña, ao non ver solucionadas as súas queixas telefónicas, presentou un escrito no Concello de Piñor en novembro de 2011, sen que ata o de agora recibise resposta algunha.

 Tanto os concelleiros populares como a veciña afectada atribúen esta discriminación por parte do alcalde á vinculación de Sonia Muñoz Vázquez ao Partido Popular, xa que esta formou parte da candidatura popular nas pasadas eleccións municipais, cun axustado resultado entre os partidos maioritarios.