Deporte e solidaridade na segunda BTT do concello de Boborás

20, Setembro 2018

A segunda BTT solidaria do Concello de Boborás en favor da Asociación Española contra o Cancro celebrarase o vindeiro domingo, 23 de setembro, aglutinando nun mesmo evento deporte e solidariedade.

A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que ten un marcado carácter solidario e que ademais de dar a coñecer os atractivos turísticos do municipio, colabora con esta asociación que realiza un importante labor social na nosa provincia, explicou Rosendo Fernández. Neste mesmo senso, a concelleira Patricia Torres dixo que este evento pretende "dinamizar a vida deportiva de Boborás e, así mesmo, colaborar na loita contra esta enfermidade, na que a AECC fai un papel moi importante, sobre todo de apoio moral".

A proba deportiva conta cun percorrido de 40 quilómetros cunha dificultade técnica baixa e cunha esixencia física alta. A saída da proba será ás 9.30 horas. O día previo á proba, o sábado 22 de setembro, celebrarase un mercadillo solidario a partir das 17.00 horas, a favor da Asociación Española Contra o Cancro, no que haberá actividades para os máis cativos e un bar solidario. Tanto a saída da proba coma o mercadillo terán lugar no Colexio CEIP Nosa Señora de Xuvencos.

Os interesados en participar na BTT poderán inscribirse no portal web www.championchipnorte.com, por un custe de 15 euros, sendo a metade da cota destinada para AECC de Ourense.

"O ano pasado participaron algo máis de cen persoas, e por agora, nesta edición, están inscritos 70 participantes", sinalou a concelleira de Cultura, Turismo e Deporte de Boborás, quen lembrou que ademais dos ciclistas, "todo o mundo pode colaborar coa AECC de Ourense no mercadillo solidario que destinará o recadado para esta asociación".

Pola súa parte, a presidenta da AECC de Ourense agradeceu ao concello e aos voluntarios "que pensaran en nós por segunda vez" e dixo que o diñeiro recadado irá destinado para "a adquisición dunha grúa para o servizo de coidado de paliativos, material moi necesario e requirido".