A deputada socialista Marga Martín salienta que xa son 11.000 as persoas que reciben o ingreso mínimo vital na provincia, delas unhas 1.400 no Carballiño-Ribeiro.

9, Setembro 2023

Xa son 11.000 as persoas que na provincia de Ourense perciben o Ingreso Mínimo Vital (IMV) logo de que o Goberno de Pedro Sánchez aprobase esta renda en plena pandemia –primeiro por Real Decreto e despois certificando a súa seguridade xurídica por lei no 2021–. “Trátase dun dereito que ten como obxectivo loitar contra a pobreza infantil e a desigualdade”, lembrou a deputada no Congreso, Marga Martín. Nesta liña, a tamén secretaria de Políticas Sociais do PSdeG-PSOE, explicou que a axuda foi pensada para as persoas que viven soas ou que están integradas nunha unidade de convivencia que non ten os recursos precisos para facer fronte ás necesidades máis básicas.

“Deses 11.000 beneficiarios que están a rercibir a prestación en Ourense, 4.467 son menores de idade e o 55% son mulleres”, incidiu sobre a importancia dunha medida enfocada tamén en reducir a fenda de ingresos con respecto aos homes. Tendo en conta os datos poboacionais, do total dos 11.000 beneficiarios no ámbito provincial, unhas 1400 persoas residen nas comarcas do Carballiño-O Ribeiro.

Coas cifras na man, a deputada lamentou: “É importante facer un paralelismo entre como afronta as problemáticas o Executivo de España e como o fai a Xunta de Galicia, coa maioría absoluta do PP de Feijóo e Rueda. A Risga, que é a prestación galega, atende nestes intres, só a 600 persoas e leva 30 anos en funcionamento”. Rematou afirmando que, tanto a nivel autonómico como estatal, a dereita implementa políticas antisociais que “lle dan as costas ás persoas máis necesitadas”.

Ademais dos datos que sitúan ao Ingreso Mínimo Vital como unha ferramenta indiscutible para os sectores de poboación en risco de exclusión social, esta semana coñeceuse que máis de 8.000 ourensás e ourensáns solicitaron outra das axudas outorgadas polo Goberno de Sánchez. En concreto, 8.328 persoas xa cobraron os 200 euros destinados a mitigar os efectos da subida de prezos. Os e as beneficiarias desta iniciativa –aprobada a finais de decembro do pasado ano– son traballadores, por conta propia ou allea, e beneficiarios da prestación ou subsidio de desemprego en 2022, que ese mesmo ano non superasen unha renda de 27.000 euros brutos e cuxo patrimonio, descontando a vivenda habitual, non rebasase os 75.000 euros.