Desfiles, concursos e verbenas no Entroido e a Festa da Cachucha, do 1 ao 10 de Marzo

11, Febreiro 2019

Cinco charangas (Noroeste, Ardores, CLK, Castro Vello e Doctor Anchoa), tres orquestras (Olympus, Pincipal e Aramio), un grupo folk (Feitizo de Pau), catro desfiles (Festa Infantil, Martes de Entroido, Enterro da Sardiña e dous o Domingo de Piñata), tres concursos de disfraces e comparsas (Concurso Infantil, A Ruta dos Mil e o Martes de Entroido) e as xa tradicionais Coplas de Entroido de Os Liborianos, así como a Ruta das Tapas, obradoiros e actividades infantís e dúas demostracións da Escola Municipal de Danza, animarán as rúas e prazas do Carballiño durante sete días de festexos para conmemorar o Entroido 2019 e a 25 Festa da Cachucha, entre o 1 e o 10 de marzo.

Nesta edición do Entroido 2019, haberá récord de participación de establecementos hostaleiros tanto no concurso de disfraces por grupos da Ruta dos Mil do sábado 2 de marzo como o Domingo de Piñata na 25 Festa da Cachucha o domingo 10 de marzo.
Vinte locais participan na Ruta dos Mil, e vintetres mesóns, restaurantes e bares o fan no xantar da 25 Festa da Cachucha, con máis de 3.000 servizos e uns prezos que oscilan entre os 15 aos 25 euros.

O evento foi presentado esta mañá polos concelleiros de Cultura e Turismo, Diego Fernández e Manuel Dacal, respectivamente, que incidiron no auxe que estaba tendo nos últimos anos tanto o entroido como a Festa da Cachucha, e que agardaban que ao celebrarse no mes de marzo a climatología foise máis benigna, o cal contribuirá a que luzan máis as actividades e a que se achegue máis xente ao Carballiño.

Como novidade, a Praza Maior será o epicentro das actividades, onde se instalará unha gran carpa en caso de tempo adverso. Tamén será novidade a decoración especial e luminosa da fachada do concello.

Asímesmo, haberá dous espectáculos teatrais: Un infantil, Teatro Monicreques coa obra “Contacontos musicais de Entroido” (domingo 3 de marzo, ás 12,30 h., no auditorio), e outro para adultos, Teatro Aporía Escénica coa obra “6 cubos negros en corpo branco, o xoves 7 de marzo, ás 20,30 h., no auditorio.

O desfile de comparsas do martes de entroido incrementa o ornamento dos premios ata os 7.600 euros, de xeito que aquelas comparsas que non obteñan ningún premio verán incrementada a subvención municipal de 60 a 120 euros, como axuda pola súa participación.

No que respecta á 25 Festa da Cachucha, tanto no pasarrúas da mañá do domingo 10 de marzo como no desfile de comparsas da tarde, estarán os folións máis característicos do oriente ourensán como son os Folións de Fradelo, Arrieiros de Petín e Tameirón, así como a comparsa de Amoeiro, ademáis das comparsas e murgas participantes no desfile do martes do entroido.

En canto ás verbenas, que se celebrarán na Praza Maior, a do luns 4 de marzo estará animada pola gran orquestra-espectáculo OLYMPUS; a do martes 5 de marzo pola orquestra ARAMIO, e a do domingo 10 de marzo pola orquestra-espectáculo PRINCIPAL.
Finalmente, ASPADISI voltará a protagonizar o Enterro da Sardiña do mércores 6 de marzo.