Dezaoito películas e homenxe ao Cine-Club na 36 edición das Xociviga. Consulta aquí toda a programación.

24, Xullo 2019

O 50 aniversario da creación do Cine Club Carballiño é o “leitmotiv” da 36 edición das Xociviga, que se celebran do 28 de xullo ao 2 de agosto e que presentou o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, xunto con varios colaboradores.

Dezaoito películas repartidas en cinco seccións (cine infantil, cine europeo (Francia), cine galego, cine portugués e cine venezolano), unha vintena de curtametraxes, dous talleres de formación e unha exposición sobre a traxectoria do cine Club Carballiño, conforman un intenso programa que comezará o domingo 28 de xullo coa proxección na Praza Maior da película Sempre Xonxa, de Chano Piñeiro, que celebra o seu 30 aniversario.

Debido á intensidade do programa, nesta ecición as actividades e proxeccións terán lugar no auditorio municipal Manuel María e na Casa da Cultura. Como na pasada edición, haberá unha Gala inaugural do certame, na que se entregarán os premios Xociviga de Honra, que recibirá a actriz Luisa Merelas; a Insignia de Ouro e un premio especial de Honra In Memorian ao productor de cine venezolano José Sousa, fallecido hai dous anos, e que recollerá a súa filla Ana Patricia Souza Salazar.

Nesta gala, que contará coa actuación do grupo carballiñés 4MAL QUARTET JAZZ, tamén se adiantarán os contidos das Xociviga, e ao remata haberá unha degustación de produtos ourensáns. Tamén o luns, pero pola mañá, ás 12,30 h., inaugurarase a exposición “PAPEIS DE CINE. 50 anos do Cine Club Carballiño (1969-2019)”, que realiza a directora de arte Marta Villar e que estará aberta ata o 15 de agosto.

Ademáis da proxeccións, que nesta edición son de especial calidade, destaca o Concurso CURTASoPRIMA, así como o taller de animación en stop motion para nenos e nenes de 7 a 14 anos que impartirá Fernando Cortizo, e o taller da directora de cine Anxos Fazáns. Diego Fernández destacou o gran esforzo que realiza o concello nesta edición para render homenaxe ao Cine Club Carballiño e intentar situar ás Xociviga entre os mellores festivais de cine de Galicia.

Tamén agradeceu a colaboración da Deputación Provincial, Consellería de Cultura e Turismo, Fundación Carlos Velo, do festival OFFOurense e do foro Xociviga, entidade recentemente creada e que será quen deba organizar o festival nos próximos anos, según dixo, así como da CRTVG, que cedeu os dereitos para a proxección de Sempre Xonxa.

Finalmente, agradeceu a colaboración dos graduados en Comunicación Audiovisual da UVigo e USantiago, Arturo Montilla, Flavia Rodríguez, Nerea Ogando e Mario Fernández, que realizarán diversas funcións de apoio ao longo desta próxima semana nas Xociviga.

No arquivo adxunto podes consultar toda a programación, películas, dias de proxección e horarios: