Diaz Mouteira entrevístase co alcalde de Leiro para "seguir avanzando no progreso do municipio"

24, Xullo 2019

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira entrevistouse co alcalde do concello ourensán de Leiro, Francisco José Fernández Pérez, rexedor desta localidade desde 1995.

Esta xuntanza enmárcase nunha rolda de contactos cos alcaldes da provincia que Díaz Mouteira iniciou a mediados de xullo co obxectivo de facer balance da colaboración autonómica durante os últimos catro anos, así como analizar a marcha daqueles proxectos que está a desenvolver o Goberno galego neles. Marisol Díaz lembrou que nos últimos catro anos este municipio recibiu do Goberno galego achegas por un importe de máis de 2,2 millóns de euros.

Así, as diferentes consellerías da Xunta concederon ao municipio de Leiro máis de 460.000 euros en materia de subvencións; máis de 570.000 euros en convenios; e máis de 1,2 millón de euros pertencentes a outras actuacións.

A delegada territorial indicou que as achegas da Administración autonómica posibilitaron a mellora de infraestruturas de uso público e de estradas, distintas iniciativas relacionadas coa prevención e defensa contra os incendios forestais, o acondicionamento de rúas da localidade, saneamento en Vilerma, a creación dunha Casa Niño, a accesibilidade e sinalización de recursos turísticos e acondicionamento da contorna do campo da feira, así como a posta en marcha de varios obradoiros de emprego conxuntamente con outros concellos.

Díaz Mouteira subliñou a aposta do Goberno galego pola recuperación do noso patrimonio que se materializou en Leiro nas obras de rehabilitación e acondicionamento da nave lateral do mosteiro de San Clodio para convertela no primeiro spa de viñoterapia de toda Galicia.

A representante do executivo autonómico en Ourense expresoulle a Fernández Pérez “todo o apoio, diálogo e cooperación da Xunta” co fin de obter a coordinación necesaria coa Administración local para dar resposta ás demandas dos veciños e veciñas e mellorar súa calidade de vida.