A Dirección Xeral da Policia pon en funcionamento un Punto de Actualización do DNI no Carballiño, para ofrecer este servizo á toda a veciñanza da comarca.

5, Febreiro 2025

Continuando co proxecto de posta en marcha por parte da Dirección Xeral da Policía dos denominados Puntos de Actualización do DNI Securizado (PADs Securizado), instalouse un novo terminal na casa do concello do Carballiño, que xa está operativo, ao servizo non so da veciñanza do concello do Carballiño, senón de calquera outro concello da comarca.

Este proxecto financiado polo “Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia – Financiado pola Unión Europea – Next Generation UE”, pretende achegar a Administración e brindar un servizo máis accesible á cidadanía, facilitando xestións que, ata o de agora, requirían o desprazamento a outras localidades.

O PAD instalado no Carballño está habilitado para a renovación dos certificados electrónicos, mediante a presenza física do titular do documento e comprobación da identidade do mesmo a través da lectura da súa tarxeta e os persoais biométricas (impresións dactilares), capturadas durante o anterior proceso de expedición do DNI, mediante o cal se poderá levar a cabo de forma autónoma, o procedemento de renovación dos seus certificados electrónicos ou realizar o cambio do contrasinal de acceso.

Esta actualización realízase de forma voluntaria, gratuíta e por iniciativa do propio cidadán. Coa posta en marcha deste novo servizo chega unha serie de beneficios para a cidadanía:

•Comodidade: Poderanse realizar trámites, tales como renovar as claves e Certificados do DNI directamente no seu propio Concello, evitando desprazamentos innecesarios.

•Aforro de Tempo: Ao eliminar a necesidade de viaxar a outras cidades, redúcese o tempo dedicado a estas xestións.

•Maior accesibilidade: Os Puntos de Actualización de Documentación (PAD) estarán situados estratexicamente para garantir que toda a cidadanía teña acceso a este servizo.