A directora xeral de Comercio destaca a colaboración institucional na súa visita á Praza de Abastos

10, Maio 2017

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol María Vázquez, ensalzou hoxe a colaboración entre o concello do Carballiño e o departamento da Xunta que dirixe, para modernizar a Praza de Abastos. A directora visitou esta mañá as instalacións, acompañada polo alcalde, Francisco Fumega, e o concelleiro de Promoción Económica, Adolfo Otero, co obxectivo de coñecer as melloras levadas a cabo recentemente no mercado municipal.

Sol María Vázquez sinalou que esta colaboración ía continuar coa finalidade de converter á praza de abastos do Carballiño nun referente e acadar a excelencia. Neste sentido anticipou que a próxima semana ía desenvolverse a campaña “Quere o teu mercado”, dirixida a promover as prazas de abastos como lugares próximos aos veciños para realizar as compras. Trátase de por en valor estes mercados –dixo-, para acadar máis clientela e crear riqueza.

Francisco Fumega, pola súa parte, agradeceu a visita e a colaboración da Dirección Xeral de Comercio e Consumo, e especialmente da directora, coas iniciativas emprendidas no Carballiño tanto no tocante á Praza de Abastos como ao comercio en xeral e ao Centro Comercial Aberto. Tamén se referiu ao cambio significativo que se estaba producindo na Praza de Abastos coas últimas melloras realizadas, gracias á unha subvención da Xunta, e que a estaban convertindo pouco a pouco nun espazo de atracción. Por iso, felicitou tamén aos placeiros.

Finalmente, Adolfo Nogueira adiantou a elaboración dun novo proxecto, que se levaría a cabo na praciña e nos postos exteriores da zona da entrada, co obxectivo de mellorar a súa imaxe, e para o cal tamén se ía solicitar a axuda da Dirección Xeral de Comercio. Asemade, incidiu no proceso da adxudicación dos postos vacantes, ainda que advertiu da súa complexidade administrativa.

A directora xeral percorreu a totalidade da praza saudando personalmente a cada un dos praceiros e praceiras, e comprobando as melloras realizadas coa última subvención do seu departamento.