Doce parroquias do Carballiño gozarán de deducións na adquisiciòn de vivendas, ao clasificalas Facenda como zonas pouco poboadas

10, Febreiro 2017

A consellería de Facenda inclúe doce parroquias do Carballiño entre as zonas pouco poboadas para obter deducións do 100% en materia de tributos cedidos polo Estado, como son o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, así como por constitución de préstamos hipotecarios destinados ao financiamento da compra de vivenda habitual por discapacitados, familias numerosas e menores de trinta e seis anos.

Estas doce parroquias son: Seoane, A Piteira, Señorín, Banga, Cabanelas, Lobás, Longoseiros, Madarnás, Mudelos, Partovia, Sagra e O Barón.

Todas figuran na clasificación de zonas pouco poboadas (ZPP), polo Instituto Galego de Estadistica, segundo o grao de urbanización dos núcleos definida por Eurostat.

Quedan fóra deste baremo as parroquias de Arcos, Mesego e Veiga. A orde pola que se determinan as parroquias de Galicia que teñen esta consideración saiu publicada onte no Diario Oficial de Galicia.