Eleccións europeas: Baixa a participación, retroceden PP e PSOE, avanzan os nacionalistas e os partidos minoritarios

25, Maio 2014

O Partido Popular gaña estas eleccións europeas no municipio carballiñés con 2.238 votos, o PSOE obtén 1.274 votos. AGE consigue 370 votos e o BNG, 311. O resto das formacións políticas suman un total de 714 votos.

As dúas grandes formacións políticas ceden apoio popular en relación coas eleccións de 2009. Os que máis perden, os socialistas, tanto en termos relativos como absolutos, ao pasar do 37,06 de porcentaxe dos votos en 2009 ao 25,21% nestas eleccións de 2014. O PSOE perde no municipio carballiñés 816 votos. O Partido Popular quedase co 44,29% do electorado que emitíu o seu voto, aínda que perde 694 votos en relación aos comicios europeos de fai cinco anos.

Tamén retrocede o BNG, que obtivo 311 votos fronte aos 422 de fai cinco anos atrás. Alternativa Galega de Esquerda pasa a ser a terceira formación en número de votos no concello do Carballiño, con 370 votos. Evidentemente, se sumamos os votos das dúas formacións, temos un aumento de 259 votos.

A revelación destas eleccións a nivel estatal, PODEMOS, consigue 218 votos, UPyD 107, e CompromisoXGalicia, 52 votos.

O avance dos partidos minoritarios é siñificativo, ao pasar de 219 votos en 2009 aos 714 que suman nestas eleccións. Tamén aumentan tanto o número de votos en blanco -154 fronte aos 51 de fai cinco anos- e os votos nulos, que foron 149 fronte aos 44 de 2009.

A participación descendeu no municipio do Carballiño, xa que no ano 2009 votaron 5.684 persoas. Desta vez, fixerono 5.201 electores.