En marcha a campaña promocional da Praza de Abastos, que inclúe un sorteo para os clientes

27, Xullo 2016

Os clientes da Praza de Abastos participarán no sorteo dun televisor LG de 43 pulgadas, que se celebrará o día 9 de setembro.

Esta iniciativa forma parte dunha campaña que foi presentada esta mañá polo concelleiro de Promoción Economica, Adolfo Nogueira, e os representantes dos praceiros Eligio González e Esther González.

Todas as persoas que merquen neste mercado ata o 9 de setembro recibirán unha rifa por cada compra de 5€ que poderán depositar nunha furna para entrar no sorteo.

Eligio González dixo que non sería a única iniciativa que se poñía en marcha para atraer clientes, senón que se farían outras máis adiante e que esperaban que fose un revulsivo para incrementar as vendas.

Asemade, dixo que nesta campaña participaban todos os postos do mercado e que estarían encantados de que se cubrisen canto antes as prazas vacantes. Tamén agradeceu ao concello o apoio que recibían.

Pola súa parte, Adolfo Nogueira engadiu que a campaña perseguía fidelizar a clientela e que dende a súa área municipal intentaban apoiar todo aquelo que supuxese recuperar a Praza de Abastos como un lugar onde mercar produtos frescos e de calidade, e convidou aos veciños redescubrir o mercado público do Carballiño.