En marcha o blog ‘A escola infantil na casa’ para achegar actividades aos máis pequenos durante o confinamento

1, Abril 2020

A Xunta de Galicia pon en marcha o blog A escola infantil na casa que achega contidos e actividades ás familias con nenas e nenos máis pequenos. Esta iniciativa procura que as nais e pais galegos teñan acceso a xogos, pautas e propostas para entreter aos seus fillos e que continúen aprendendo durante esta etapa de confinamento.

A escola infantil na casa contará con contidos desenvoltos polos profesionais educativos das escolas infantís da Consellería de Política Social, para que as familias teñan á súa disposición materiais necesarios para que o proceso de aprendizaxe siga máis alá das propias aulas.

Calquera familia pode acceder a este blog creado pola Consellería de Política Social. Polo tanto, ten un dobre obxectivo, ademais de avanzar no proceso educativos das nenas e nenos de 0 a 3 anos, serve para que as nais e pais coñezan de primeira man o traballo que se desenvolve durante o curso nas escolas infantís da Xunta de Galicia.

O blog A escola infantil na casa contará cun banco de recursos divididos en tres epígrafes: recursos para os nenos, acompañamento ás familias e compartindo estratexias cos equipos. Desta maneira, segundo as necesidades e interese do momento poderase botar man de diferentes ferramentas. Ademais, tamén terá unha canle de Youtube, onde se poderán seguir as diferentes tarefas a través dun vídeo explicativo