A escaseza de chan industrial frea a chegada de novas empresas: Espazo Común propón a creación dunha comisión para buscar solucións

11, Xuño 2020

Espazo Común resalta como fundamental e máis aínda no novo contexto xerado pola crise "que os concellos coma o noso non deixer escapar unha soa oportunidade de xerar e atraer empresas que poidan garantir estabilidade laboral".

Destacan o "importante osíxeno" que para a economia local do Carballiño suoñen a presenza no parque empresarial de empresas como GRI, DIZNAR ou SOGAPOL.

Non obstante, manifestan, "o problema radica en que a día de hoxe, de chegar algún proxecto deste tipo non tería no Carballiño oco para poder instalarse ante a carencia case que total de chan industrial".

Continúa na súa análise Espazo Común, manifestando que "moito se leva falado, incluso prometido e anunciado por parte do alcalde Fumega sobre a xeración de novos terreos para este fin, pero, para variar, todo era mentira e, a día de hoxe, despois de 5 anos non deu un só paso certo".

"Ante este despropósito que perxudica seriamente o futuro da nosa vila" Espazo Común vai propoñer en pleno a creación dunha comisión de traballo composta polos diferentes grupos municipais, a asociación empresarial do polígono, a Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense co obxectivo de optimizar as propostas e axilizar a creación de novo chan industrial.

Demandarán que esta comisión designe a un equipo redactor urbanístico, que avalíe as posibles ubicacións dentro do noso concello para que a corporación ou o goberno municipal tome a decisión definitiva.

E finalmente, que esta comisión elabore un calendario de actuacións realistas, que contemple ubicación, redacción de proxecto, modificacións urbanísticas necesarias, dotación económica, concurso e execución, ca fin de coñecer exactamente cal é o prazo no que o Concello do Carballiño poderá contar con novo chan industrial.