Espazo Común esixe a apertura dos parques infantís do Carballiño "con todas as garantías sanitarias"

25, Xuño 2020

O grupo municipal de ESCO compara a situación do Carballiño co de outras localidades da provincia "o goberno municipal do Carballiño semella teimar en que sexamos os derradeiros en todo, así namentres vemos que concellos coma Barbadás, Ribadavia ou Ourense xa levan días cos parques infantís abertos, aquí manteñense pechados por causa da incapacidade do alcalde Fumega e o seu equipo",remarcan.

Engaden que "resulta imposible atopar unha explicación lóxica para dar a pais e nais e, sobre todo a cativos, de por que as terrazas están cheas de xente e os escasos lugares de ocio cos que contan non poden ser utilizados. Moito máis aínda entender como un concello que pretende organizar a Festa do Pulpo é incapaz de acometer unha tarefa tan sinxela como organizar un protocolo de limpeza e desinfección destes espazos".

Dende Espazo Común non admiten excusas sobre a falta de persoal apuntadas dende o goberno municipal "non se manteñen en pé despois de que este ano subira o gasto en traballadores por riba dos 4.000.000 de € e porque existe unha lista de contratación de limpadores de instalacións municipais á que se podería recurrir", subliñan.

Espazo Común demandará "de xeito urxente información sobre este particular e, de demorarse a posta en marcha dos parques infantís con tódalas garantías sanitarias, presentará unha iniciativa no pleno para esixir responsabilidades".