Espazo Común pide unha auditoria de seguridade no parque infantil da Alameda e que se acometan as melloras que sexan necesarias

27, Xaneiro 2020

Espazo Común recorda que "foron moitos os meses que a cidadanía do Carballiño tivo que agardar para ver finalizada a obra dunha infraestrutura esencial no día a día de moitas familias como é a do Parque Infantil da Alameda".

No seu relato afirman como "atrás queda o despropósito do incomprensible e nunca explicado con veracidade tempo de atraso na súa execución; as promesas incumpridas por parte do goberno en canto a prazos e a máis que dúbidosa inversión de 170.000 € en dito proxecto.
Atrás quedan tamén a chapuza das pirámides e o verán perdido por usuarios e comerciantes que sufriron as consecuencias do oportunismo electoralista do partido no poder".

Engaden que tras a súa inauguración e a pesares dos rigores climatolóxicos do inverno galego, podemos comprobar que practicamente sempre hai nenos e nenas xogando nesta área de lecer, case a única destas características no centro da vila e, polo tanto, un dos poucos recursos dispoñibles para o esparcemento dos máis cativos".

E conlúen que "esto dá conta, aínda máis, da relevancia da Alameda e ao mesmo tempo tamén trouxo consigo as primeiras queixas por deficiencias estruturais e perigos diversos que, se ben poden ser comprensibles xusto despois dunha obra deste tipo, non se entende que, a pesares dos avisos, irrresponsablemente o Concello do Carballiño faga ouvidos xordos ante as queixas máis que habituais recibidas por tódalas canles".

Dende o Grupo Municipal coidan que sería fundamental revisar concienzudamente todas estas problemáticas antes de que chegue o bo tempo e a masificación dos columpios leve a un previsible incremento dos incidentes e obrigue a ter que tomar medidas cando sexa moito máis complexo ou incluso a ter que privar, de novo por outra pésima decisión política, do seu disfrute á veciñanza.

Por todo elo, Espazo Común solicitará ao pleno da Corporación Municipal do Carballiño o seguinte acordo:

1.Que se realice por parte do Concello do Carballiño unha auditoría de seguridade no Parque Infantil da Alameda.

2.Que en función dos resultados desta se fagan, con urxencia, as melloras necesarias para garantir un parque seguro para tódalas moitas familias que fan uso do mesmo.