Espazo Común traballa na elaboración do plan "O Carballiño CON-VIDA 20" que pretende mobilizar 2 millóns de euros do remanente do concello

2, Abril 2020

Espazo Común sitúa a súa proposta no contexto "desta situación de excepcionalidade que se está a vivir por causa da crise do COVID-19, non é allea ao noso pobo que está a padecer os rigores dunha nova realidade que ven de mudar de xeito ostensible o noso modo de vida".

A incertidume con respecto á duración deste confinamento sanitario e a conseguinte paralización de case toda a actividade económica son lousas moi pesadas que fan ver o futuro con moitísima preocupación a un inmenso número de familias e empresas, remarcan.

E por esto mesmo dende Espazo Común non teñen dúbida de que "son as administracións públicas as que teñen que dar resposta áxil e concreta para que esta preocupación non se transforme en angustia e todos aqueles que están vendo mermados os seus ingresos e, incluso, temen pola continuidade dos seus negocios ou postos de traballo, albisquen posibilidades reais de saír vivos desta desagradable situación".

Consideran que o Concello do Carballiño, como administración máis cercana á cidadanía ten unha obriga ineludible para dar unha cobertura axeitada a todas estas problemáticas.

Espazo Común fai referencia expresa á "existencia dun remanente de 4.000.000 de € anunciado polo alcalde Fumega en varias ocasións, ofrece unha posibilidade de osíxeno para tódolos afectados polo que dende o grupo de traballo constituído en Espazo Común para elaborar as nosas propostas, consideramos que cunha achega da metade destes recursos municipais (2.000.000 €) debera ser suficiente para garantir a protección social e sanitaria da veciñanza e dinamizar o futuro do pequeno comercio, hostalería, autónomos e demáis pemes".

O plan “O Carballiño CON-VIDA 20” proposto por Espazo Común divídese en catro apartados que son :

1. Medidas para a saúde pública durante o confinamento

2. Plans de protección social

3. Adaptación de impostos municipais

4. Reactivación do tecido económico local

Nos vindeiros días, anuncian dende Espazo Común que irán rematando propostas concretas que serán postas en coñecemento do goberno municipal e da cidadanía para a súa valoración e posible posta en marcha.

Finalmente, recalcan que están abertos ás posibles aportacións ques se desexe facer a este proxecto por parte de calquer veciño ou veciño, para o que se poden empregar as redes sociais de ESCO ou o teléfono 68870 71 21.