Esta fin de semana: chega a O Carballiño o espectáculo deportivo das motos de campo

11, Outubro 2017

Noventa pilotos competirán esta fin de semana na edición máis participativa e internacional da proba de motos de campo XTREMO MESEGO.

A proba, que celebra a quinta edición, e que se desenvolverá o sábado, 14, e o domingo, 15 de outubro, foi presentada na Praza Maior polo concelleiro de Deportes, Manolo Dacal; o membro da Liga Galega de Moto de Campo, Javier Quintas, e o presidente do Motoclub Xtremo Mesego, Juan Caderno.

O evento comezará o sábado en Pena Cortoira ás 15,00 h., e ás 18,00 h., terá lugar a proba urbana que se desenvolverá nunha parcela situada na rotonda da rúa Conde Vallellano e Ben Cho Sey. E o domingo proseguirá a partir das 10,00 h., en Pena Cobertoira.

Na presentación destacouse a participación de grandes campións, como Pol Tarrés, que gañou o pasado ano; Antonio Alfonso, que foi campión do mundo junior de trial; Álex Hidalgo e Iván Pueyo, entre outros destacados pilotos dun gran nivel.

Javier Quintas destacou a gran presenza nacional e internacional, entre os que figuran dez galegos, pero tamén pilotos procedentes de Francia, Portugal, Corea e Arxentina, así como da Cataluña, Asturias, Castela-León e Madrid, entre outras comunidades españolas.

Por isto, o representante da Liga Galega de Moto de Campo amosouse orgulloso por colaborar estreitamente co Motoclub Xtremo Mesego para organizar este evento, “xa que se trata dunha das grandes citas do calendario deportivo, que este ano terá una calidade extraordinaria, onde hai media ducia de pilotos que poden optar ao triunfo”, según dixo.

Juan Caderno destacou sobre todo a proba urbana que se celebrará nunha parcela da rotonda de Conde Vallellano e Ben Cho Sey, porque será máis vistosa que a do pasado ano, e terá máis seguridade e máis visibilidade para os afeccionados. Será o sábado a partir das 6 da tarde.

Finalmente, Manolo Dacal agradeceu o traballo desenvolvido polo Motoclub Xtremo Mesego e a Liga Galega de Moto de Campo para ofrecer en cada edición un mellor espectáculo deportivo, conseguindo traer non só a moitos pilotos senón tamén a moitos aleccionados, xa que isto redunda na promoción do Carballiño e, en particular, da hostalería.