Estables dentro da gravidade 4 dos feridos, mentres que os outros 3 están fora de perigo

13, Novembro 2011

Estable dentro da gravidade, é a evolución no estado de saúde dos feridos máis afectados no incendio do edficicio Magariños. Ao cativo de 4 anos de idade que se atopa na UCI de queimados do Complexo Hospitario Universitario da Coruña practicouselle unha primeira interveción cirúrxica nunha man, e mantense estabilizado, a parte máis afectada do corpo do cativo é a cara, que presenta queimaduras de diversa consideración.

Continúan en estado grave a nai e aboa do cativo, as dúas mulleres atópanse na Unidade de queimados de POVISA, en Vigo. A nai do cativo, de 41 anos, presenta queimaduras no 12 por cento do corpo, de segundo grao, que lle afectan a mans, cara e pescozo, ademáis de síndrome por intoxicación de fume, igual que a aboa, de 68 anos de idade, con feridas de diversa consideración.

Outro dos feridos de máis gravidade, o Ex-Concelleiro da Corporación do Carballiño, Edelmiro Mateo, de 74 anos de idade, tamén permanece estable dentro da gravidade. Presenta síndrome de inhalación de fume e queimaduras no 30 por cento do corpo, de segundo grao, superficiais unhas e profundas outras, que afectan a membros superiores, cara e pescozo. Permanece na UCI, en observación.

En canto aos menos graves, a súa evolución é positiva. É o caso dos dous Policias Locais, home e muller de 43 e 37 anos de idade respectivamente, Antonio Carbajal e Maria Carmen Martínez, continúan ingresados e en observación no Complexo Hospitalario de Ourense, sufren feridas superficiais e por intoxicación, están fora de perigo, igual que a outra muller de 66  anos de idade M.N.G, con intoxicación e tamén con feridas diagnosticadas como superficiais.