Excesivo castigo para o Arenteiro no campo do líder, nun partido marcado pola nefasta actuación arbitral

29, Outubro 2017

O encontro matinal xogado no campo da Grela en A Coruña entre o líder Club Silva e Arenteiro tivo dúas partes absolutamente diferenciadas, e unha calamitosa actuación arbitral que perxudicou descaradamente ao Arenteiro.

Na primeira metade a floxeira defensiva do Arenteiro permitíu ao Silva chegar ao descanso cun claro 3-0 no marcador, con tres goles en 34 minutos de partido, o segundo de penalti.

Non obstante, o Arenteiro non lle perdeu a cara en ningún momento ao partido, e aos seis minutos da reanudación Iker Hurtado marcou o gol do Arenteiro, primeiro que o líder encaixa na súa casa no que vai de campionato.

Despois chegaron os mellores minutos dos verdes e a piques estivo Igor Sevivas de marcar o segundo pero o balón foise lixeiramente desviado, e aínda con media hora de partido por diante, o árbitro pontevedrés Asier Manuel Fariña deixou ao Arenteiro con 10 xogadores no campo ao expulsar a Adrián Padrón nunha xogada de ataque do Arenteiro na área local.

Pero o peor da actuación arbitral aínda estaba por chegar cando, aínda co 3-1 e moitos minutos de partido, un defensor local fixo dentro da área un paradón en toda regla coas mans para cortar un tiro de Rubén Arce, o árbitro mandou seguir o xogo, ver para creer.

Xa a piques de chegar ao tempo regulamentado chegou o cuarto gol dos locais, un 4-1 absolutamente desproporcionado para o visto esta mañá no terreo de xogo.