Falece o Ex-Concelleiro Edelmiro Mateo, un dos feridos no incendio do 12 de novembro

19, Decembro 2011

Edelmiro Mateo Prado, de 74 anos de idade, faleceu hoxe no hospital Povisa de Vigo, a onde fora trasladado o pasado dia 12 de novembro tras resultar ferido no incendio do Edificio Magariños.

O Ex-Concelleiro da Corporación Municipal do Carballiño, cargo que exerceu durante 20 anos, resultara con queimaduras de 2º grao no 30% do seu corpo, non obstante outras doenzas que sufría xa antes do incendio complicaron aínda máis a situación, da que finalmente non pudo sair.

Ao pouco de coñecerse a triste noticia,  tanto Partido Popular como Bloque Nacionalista Galego emitiron comunicados nos que expresan o seu pesar polo falecemento do Ex-Concelleiro de Obras e Urbanismo do Carballiño. Desde o Partido Popular achegan o seu pésame á famila de Edelmiro Mateo "e tamén a toda a familia dos socialistas do Carballiño", desde o BNG achéganse as condolencias á familia Mateo Prado e "á familia local do PSdeG, da que era membro, asi como manifestamos o noso recoñecemento á súa labor poloConcello do Carballiño durante os anos que exerceu a súa acta de Concelleiro".

Desde o Concello do Carballiño, o Grupo Municipal de Goberno "en nome de todos os traballadores deste Concello, expresamos as nosas máis sinceras condolencias á Familia de Edelmiro Mateo, asi como aos compañeiros da formación socialista". O Concello do Carballiño tamén "manifesta o seu recoñecemento á labor desenvolvida por Edelmiro Mateo durante os 20 anos que exerceu como Concelleiro, sempre ao servizo dos veciños do Municipio", salientan nuha nota difundida esta noite. Os actos fúnebres celebraránse este mércores dia 21 de decembro ás 4 da tarde no Templo da Veracruz, e posteriormente recibirá sepultura no Cemiteiro da Parroquia de Xurenzás, da que era natural o finado.

Ademáis, permanecen aínda ingresadas outras dúas das victimas do sinistro, o cativo de 4 anos de idade e a súa  aboa, de 68 anos, evolucionan favorablemente das feridas sufridas. Os demáis feridos xa recibiron a alta médica.