A familia Florindo recibe o "Premio Honorífico Festa do Pulpo" pola súa "actividade filantrópica e levar o nome do Carballiño polo mundo adiante"

8, Agosto 2016

O alcalde do Carballiño, Francisco Fumega, destacou os méritos da Familia Florindo para ser distinguida co Premio Honorífico da LIV Festa do Pulpo.

Nun acto que se desenvolveu no salón de sesións do concello, e que contou coa asistencia do alcalde e do concelleiro de Turismo, Xosé Maneul Dacal, así como da práctica totalidade da familia agasallada, ademáis do portavoz e dúas concelleiras do Grupo Popular, fíxose entrega dunha placa con este recoñecemento concedido “pola súa implicación e labor de promoción da vila do Carballiño”, segundo dixo o alcalde.

No seu discurso, Fumega, en representación dos carballiñeses, estableceu paralelismos claros entre a familia Florindo e O Carballiño. A distinción foi entregada a Florindo González, á súa dona, Josefa Corral e ós fillos, Florindo e Xesús así como ó resto da familia. “Unha familia creadora de riqueza e iniciativas en beneficio do Carballiño e dos carballiñeses, sexa co deporte, coas festas ou con calquera outra actividade” declarou o alcalde, Francisco Fumega.

“Frigoríficos Florindo e Hijos”, creada hai 41 anos polo cabeza da familia, Florindo González, é coñecida pola súa actividade filantrópica para coa vila, con propostas de patrocinio, sobre todo no tocante á Festa do Pulpo, levando o nome do Carballiño polo mundo adiante.
No remate, Francisco Fumega declarou que “queremos que este Premio Honorífico non se circunscriba só á LIV Festa do Pulpo, senón a unha boa parte da historia desta festa e a moitos anos de bo facer empresarial e de colaboración con moitas iniciativas no Carballiño”.

Pola súa parte, tanto Florindo González como o seu fillo Florindo, agradeceron esta homenaxe e amosáronse orgullosos de promover o nome do Carballiño, o seu lugar de procedencia alá onde vaian.