A Federación de Comercio de Ourense apoia as campañas de dinamización nas comarcas

23, Xullo 2014

A Federación de Comercio de Ourense e as distintas asociacións gremiais e comarcais como son a Asociación de Empresarios de Verín, a Asociación de Empresarios e Comerciantes do  Carballiño, Establecementos Asociados do Ribeiro, Federación de Empresarios da Terra de Caldelas, a Asociación de Pasteleiros e Confiteiros de Ourense así como a Asociación de Floristas de Ourense e Provincia veñen de firmar un convenio de colaboración para realizar actuacións de revitalización do comercio de proximidade e incentivación da demanda comercial ao amparo da subvención tramitada pola Federación de Comercio de Ourense ante a Dirección Xeral de Comercio.

Indicar que todas as actuacións de promoción do comercio local solicitadas no expediente da Federación de Comercio de Ourense de acordo coas bases estipuladas na Orde do 25 de febreiro de 2014 pola Consellería de Economía e Industria, foron aprobadas na súa totalidade.

 Os convenios asinados coas distintas asociacións permiten  levar a cabo actuacións por un importe global de 22.052,44 euros para realizar actividades promocionais do comercio local entre as que cabe destacar a colocación de vinilos ou paneis nos escaparates de locais baleiros ubicados nas localidades de Verín e Carballiño, tamén permiten a elaboración de láminas explicativas sobre o comercio do Carballiño, a elaboración dun vídeo promocional do comercio do Ribeiro e a realización dun sorteo de cine nesta localidade, e tamén para incentivar a demanda comercial os pasteleiros e confiteiros de Ourense así como os floristas da provincia darán uniformidade e profesionalidade aos asociados mediante chaquetillas profesionais no caso dos pasteleiros e mandís no dos floristas, e na Terra de Caldelas como xa ven sendo habitual a edición de calendarios.