A Feira do Stock do Carballiño CCA regresa á Praza Maior cunha nova edición chea de descontos, variedade e premios. Do venres 6 ao domingo 8.

O Centro Comercial Aberto Carballiño CCA celebra os días 6, 7 e 8 de marzo unha nova edición da súa xa consolidada Feira do Stock, unha campaña que suma xa numerosas edicións e que se ten convertido nunha das citas comerciais máis agardadas tanto polos propios establecementos como polo público.
O éxito das convocatorias anteriores, cunha gran participación e afluencia, confirma que se trata dunha iniciativa moi demandada e plenamente consolidada no calendario comercial local.
Durante tres xornadas, a Praza Maior de O Carballiño transformarase nun gran escaparate ao aire libre no que 16 comercios locais ofrecerán grandes descontos, produtos seleccionados e oportunidades únicas con stock limitado.
A feira reunirá unha ampla representación do comercio de proximidade, con artigos de moda xuvenil, moda infantil, moda de señora e cabaleiro, zapataría, alimentación e outros sectores especializados, permitindo aos visitantes atopar variedade, calidade e prezos especiais nun mesmo espazo.
Baixo o lema de “Grandes descontos, produtos seleccionados e só por 3 días”, a campaña busca dinamizar a actividade comercial e fomentar as compras no comercio local, ofrecendo ao mesmo tempo unha experiencia atractiva e dinámica para veciños e visitantes.
Como incentivo adicional, o domingo ás 18:00 horas celebrarase un sorteo presencial de dous vales de compra de 50 euros cada un, co obxectivo de premiar a fidelidade dos clientes e poñer o broche final a unha fin de semana de intensa actividade comercial.
O horario da feira será o venres de 17:00 a 21:00 horas; o sábado de 11:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:00 horas; e o domingo de 12:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas.
O presidente do Carballiño CCA, Julián Garriga, destaca que “a Feira do Stock é unha mostra clara da unión e fortaleza do noso comercio. Levamos moitas edicións porque é unha campaña que funciona, que os comerciantes solicitan e que o público agarda cada ano. Saímos á rúa para achegar os nosos produtos á xente e ofrecer oportunidades reais de aforro, mantendo sempre a calidade e a atención personalizada que caracteriza ao comercio local”.
Pola súa banda, a xerente do CCA, Noelia Mares, subliña que “o éxito desta campaña radica na implicación dos establecementos e na resposta do público. É unha iniciativa moi demandada porque permite dinamizar vendas, liberar stock e, ao mesmo tempo, crear ambiente e movemento no centro da vila.
Ademais, o sorteo dos vales de compra engade un atractivo extra que anima á participación”.
A Feira do Stock está cofinanciada pola Xunta de Galicia e conta coa colaboración do Concello de O Carballiño, reforzando así o compromiso institucional coa dinamización do comercio de proximidade e coa promoción da economía local.
Desde o Carballiño CCA animan a toda a veciñanza e visitantes da comarca a achegarse á Praza Maior durante esa fin de semana e aproveitar as oportunidades únicas que ofrecerán os establecementos participantes.