A Feira Festa de Artesanía da Pepa Loba enche de actividades o barrio de Flores, do 6 ao 8 de Setembro

5, Setembro 2019

A edición deste ano está dedicada aos zoqueiros e zapateiros, e desenvolveráse do venres 6 ao domingo 8 no barrio de Flores.

A inauguración e apertura da feira, con exposicións e venda de artesanía, terá lugar ás 6 da tarde do venres, e a esa mesma hora comezarán na Praza Maior os xogos populares do Centro de Cultura Popular Xaquín Lourenzo, da Deputación Provincial.

Ás oito da tarde, na Eira de Flores, será a intervención de Felipe-Senén López Gómez coa presenza de vellos zoqueiros e zapateiros, e de seguido concerto de música en vivo a cargo do grupo Andasoa. Completaráse a programación da primeira xornada, á medianoite na Fonte de Flores, onde haberá exconxuro, queimada popular e ofrecemento da Auga Máxica.

O sábado 7, ao mediodia e coincidindo coa apertura dos postos, haberá demostración  en vivo de vellos oficios, e un obradoiro de zocos e cestería. Ás 13 horas comezará a lectura de "La Juventud de Pepa Loba", de Aurelio Miras Azor.

Pola tarde, haberá campionato femenino de brisca e as 7 será o momento culminante coa baixada da bandoleira Pepa Loba e a súa gavilla, cos felos de Maside e a teatralización a cargo do grupo Dar Trrela. Despois, escoitaránse cantares de cego.

Finalmente, o domingo 8 na Fonte está programada un recital poético de Quico Valeiras, haberá obradoiro de oleiros, campionato de chave, música tradicional co grupo Os Serandeiros e ás 14 horas un xantar popular.