A Festa do Polbo xa ten o seu "museo virtual"

1, Agosto 2013

 www.festadopulpodocarballino.es está xa na rede para mostrar as excelencias do Carballiño e da súa festa gastronómica, declarada de interese turístico nacional, a todo o mundo.

Así o comentaba o alcalde Argimiro Marnotes na presentación desta nova ferramenta turística, destacando que "só nos falta poder levar o sabor único do noso polbo a través de internet, pero iso por agora é imposible, ao igual que a hospitalidade de todos oscarballiñeses para recibir os visitantes. Pero todo o demais poden velo nesta nova web, que a máis dun vai a sorprender, mesmo os propios carballiñeses,".

O museo virtual está ambientado no propio Parque Municipal onde se desenvolve a Festa do Pulpo. Cada ambiente representa unha década onde o visitante pode navegar virtualmente polo parque, visualizando os diferentes os diferentes carteis, imaxes e recortes de prensa.
Pola súa banda outra das seccións máis vistosas desta nova web é a visita virtual ao Carballiño, esta realízase dende as diferentes zonas e monumentos da vila, podendo acceder o visitante e moverse de xeito virtual en todos eles.

O libro electrónico, tamén incluído nesta web, ilustra con textos e imaxes a propia festa, o parque onde se desenvolve, ou Carballiño, o polbo e, por suposto, os pulpeiros e pulpeiras do Carballiño.

O punto de partida de todas estas visitas virtuais é a páxina web antes mencionada, dende a cal o visitante pode acceder a todos os elementos, á vez que pode proporcionar información actualizada da propia festa e a vila carballiñesa, a través de seccións como a axenda, hemeroteca ou a galería de imaxes. Isto é algo que destacaba o propio alcalde "é unha web aberta, viva, onde todos van apoder colaborar e onde se actualizarán os seus contidos segundo o pida a actualidade".

Esta web ten un deseño adaptable ao dispositivo dende onde se accede xa sexa ordenador, tlablet ou smartphone. Os creadores desta son as empresas Inova3 e Imasv, e para a súa creación o concello do Carballiño contou cunha subvención do AGADER.